Friday 03 de May de 2024

Román Rodríguez salienta que tecnoloxía e inclusión “deben ir da man” na educación do futuro para garantir a atención á diversidade e a igualdade de oportunidades


— O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na presentación da III edición de ‘Talentos Inclusivos’, impulsada polo CITIC e ASPACE co fin de espertar as vocacións STEM entre a mocidade

— Sinala que a Xunta, a través da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 e da Estratexia de Educación Dixital 2030, conta cun abano de accións para afianzar “o modelo educativo galego de calidade equitativo que é referencia a nivel estatal”

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, subliña que a tecnoloxía e a inclusión “deben ir da man” para consolidar a educación do futuro sustentada nos piares da atención á diversidade e a igualdade de oportunidades e nesta liña está traballando a Xunta de Galicia, con accións específicas nestes eidos que quedan recollidas tanto na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 como na Estratexia de Educación Dixital 2030.

Así o destacou esta mañá con motivo da presentación da III edición de Talentos Inclusivos, un programa promovido polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña e a Asociación de Pais de Persoas con Parálise cerebral (ASPACE) Coruña para facilitar a inclusión das persoas con diversidade funcional. Nel participan unha decena de centros de ESO e Bacharelato que, a través de equipos colaborativos de traballo, deberán resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.

O titular de Educación do Goberno galego gabou esta iniciativa que enlaza dous ámbitos clave como son a convivencia escolar e a formación STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) ao servizo dun sistema educativo de calidade e equitativo. “Dous aspectos -sinalou o conselleiro- que consideramos esenciais para garantir un modelo comprometido xusto e dinámico para todo o alumnado como é o caso do ensino galego, que é un referente nacional e internacional na aposta pola accesibilidade, a inclusión e a atención á diversidade”.

Para seguir consolidando este modelo, a Xunta conta coa Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, a folla de ruta que fixa as estratexias e as ferramentas para blindar a correcta integración de todo o alumnado no sistema ao tempo que asegurar un bo clima nas aulas.

“Precisamente, seguindo o espírito que caracteriza Talentos Inclusivos, a estratexia presta especial atención á relación entre o alumnado e as novas tecnoloxías”, asegurou Román Rodríguez, que salientou a necesidade de que a educación “avance ao mesmo ritmo que a propia sociedade en termos tecnolóxicos”.

Programas educativos e dotación tecnolóxica
O conselleiro referiuse tamén ás iniciativas do seu departamento para afianzar as vocacións STEM a través de programas educativos específicos e de dotación tecnolóxica nos centros escolares. A este reto responde a Estratexia de Educación Dixital 2030, dotada cun investimento de 120M€ e que abrangue unha ducia de accións de impacto interrelacionadas entre si co fin de optimizar a dixitalización nos coles.

Outra das accións é a creación de Polos Creativos en 225 centros de toda Galicia, unha novidosa acción posta en marcha por primeira vez no presente curso co obxectivo común de avanzar cara un modelo de infraestruturas educativas máis innovadoras que contribúan a consolidar a Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías STEM ao proceso de ensino-aprendizaxe.